BENVIDOS

Neste blog pretendo dar a coñecer os meus libros e a miña obra poética.

7 dic 2011

PRESENTACION "NA INTIMIDADE DO AZOUGUE" A CORUÑA 2011



DE "NA INTIMIDADE DO AZOUGUE"

En agosto déitome sempre tarde

cando o silencio do sono

apalpa cada recuncho da casa

e atraveso ás escuras corredores

coa morneza dos alentos

a respiración dos nenos

que anuncia o descanso

procuro a frescura das sabas

o recendo dos beizos

a crepitar na noite

esa pequena distancia

nos límites da cama

Abóndame con te mirar

quizais rozar o teu corpo

soñar coa mañá

á espera do amor



Deberiamos cambiar esta costume

de bicarnos as tentas baixo as luces

do último solpor de agosto

amosarlles aos nenos a promesa

tatuada nesa beleza túa

de peitos de deusa

explicarlles o por que do teu sorriso

esa voz de buguina

o silencio dos teus beizos na mañá

o arreguizo dos meus ollos

a secreta mirada dos amantes



Cando morra o amor

quero estar vivo

e desmaiar sobre ti

a luz deste abandono

vivir de novo

a tépeda pel a demorarse

no vértice da alba

o desterro dos corpos a buscarse

Quero estar vivo

cando morra o amor

saciar esta sede de nostalxia

que se deita sobre a cama

soñar co pan das túas cicatrices

poder amar o mar deste delirio

DE "NA PROCURA DO NORTE"

NA PROCURA DO NORTE

O Guerreiro venceu e trouxo o Norte.

Luísa Villalta

-I-

Cando ande á procura do Norte

non me preguntedes pola terra en que nacín,

nin dos nomes dos pais que me deron a vida,

nin da dozura dos beixos da miña compañeira.

Non me preguntedes polo perfume á salitre

apreixando os camiños da miña nenez.

Non deixedes que as bágoas enfouzen

o recordo da mirada dos fillos.

Cando ande á procura do Norte,

na peregrina viaxe na vastedade do tempo,

non me preguntedes pola embriaguez do camiñante,

pola conversa cabo da lareira,

polo pouso que deixa a chegada,

polo sabor a terra mollada.

Non me preguntedes, cando procure a vertixe da liña do horizonte,

pola serea presencia das nubes,

pola brisa lene no solpor do día,

pola hora na que os corvos sacian a sede.

Cando chegue o momento,

preguntar pola incerta sombra da inabarcable existencia.

MEMENTO MORTIS

Reclamamos para nós as osamentas deitadas na poeira,

os fanados peteiros dos voitres

aboiando arredor das despedidas.

Emerxemos dos pozos baleirados cos cánticos do abril

mergullados ao ritmo da seitura

na alba florecida co Nordés.

Hai voces que me chaman

a ficar embebido de ti,

a compartir este ceo azul e tan profundo

que asolaga a fervenza dos adeuses.

27 nov 2011

n verán de 2011 feito poesía

E-mailImprimirPDF

El Ideal Gallego-2011-11-24-012-d22cfbb2

PABLO BOUZA “NA INTIMIDADE DO AZOUGUE”

O escritor de Fene presentaba onte en Portas Ártabras o seu cuarto libro “Na intimidade do azougue” (Espiral Maior), unha especie de diario fotográfico no que o lector se instala no verán, máis en concreto, nunha casa entre o verde e o mar para coller o avión e voar ata Londres a respirar do caos e adentrarse no interior do poeta. Para escoitar cousas do amor.

ReportaXe de MARTA GARCÍA MÁRQUEZ

Dunha búsqueda intensa da memoria a un verán caluroso de 2011. Porque cando pica o sol, tamén hai poesía, Pablo Bouza trata de pescar con rede as pequenas cousas que son invisibles para o ser humano. Pasa demasiado á présa diante delas e non as ve.
Así que do mesmo xeito que o poeta animou aos seus fillos a capturar lorchos e patexos na praia en agosto, el quixo capturar tamén en versos eses momentos. Intres que, sen querer, están cheos de contrastes porque do meollo dunha casa no medio do verde, a nova publicación pasa a un caótico Londres onde foi parar o autor cun bolígrafo na man.
E xurde o abismo. Contrastes que fan que o modo de ver a vida cambie segundo Bouza escriba entre a herba ou no medio do asfalto. Arredor de toda esa marea de persoas que van a rebumbio na cidade do Támesis. Pasa que despois desa trasfega, o poeta toma asento. Respira. Entón volve aos temas que sempre lle perseguiron. E saen á palestra a sensualidade e o amor que fan que na última parte de “Na intimidade do azougue”, os versos tornen máis hacia o interior. Ata tocar as vísceras.
Bouza conta que é necesario abrir a poesía a cousas máis dixeribles porque pasa que moitas das veces nin os propios escritores saben o que queren dicir. Chegan a unha profundidade tal que o entendemento queda abandonado polo camiño. Esquecido.
O poeta lembrábase do que dixo Leonard Cohen ao recibir o premio Príncipe de Asturias. O canadiense aseguraba enriba do estrado que non tiña nin idea de onde proviña a súa poesía porque “se o soubéramos fariamos máis e mellores poemas”. Neste caso, Pablo Bouza mete o fuciño nesa realidade cotiá sobre a que todos pasan de largo para darlle unha perspectiva poética que é capaz de conxelar as tardes do verán para sempre. Con todos os seus aromas. E a súa máxia. En páxinas de papel que veñen da man de Espiral Maior.
Despois de editar “Ingrávido signo”, que coincidiu no tempo coa morte do seu pai, o escritor regresa cun libro que ben podería pasar por diario fotográfico, moi rápido e fácil de ler que supón un punto de inflexión na súa traxectoria. Bouza explica que é como se abrira unha ventá e aireara a súa máquina de facer versos.

Claves > Unha vez que o artefacto respirou a fresco, a súa impronta foi ata unha das claves da súa literatura que é o amor porque o normal é que un escriba un poema inspirándose na persoa que lle fai tilín aos quince. O difícil é continuar escribíndoos aos 45 cando as relacións son mundos distintos. Complicadas. Para voltar a un dos temas filosóficos do ser humano e pechar o diario de fotos cunha entrega máis íntima. De todo o que se lle pasou pola cabeza e que Bouza centrifugou ata que colleu ritmo. Fíxoo poesía.
Conta o escritor de Fene que é moi difícil publicar en rima. Por iso, os seus anteriores libros foron pasados ao papel despois de resultar gañadores de distintos certames en Gondomar, Vilalba ou Marín. Nesta ocasión, Espiral Maior saca o cuarto da súa produción no que o lector collerá mentalmente a toalla e será libre en medio das pequenas cousas para coller o avión e chantar os pés en Hyde Park, xunto aos esquíos. Nunha viaxe de apenas dous meses que rematará nunha casa con catro cavidades que non deixa nunca de bombear.

DE INGRÁVIDO SIGNO (2010)

RESTOS DE TI

Que no puedas perder lo que perdiste

no da tranquilidad, sino vacío.

Luís García Montero

Bate aínda,

-coa fereza esquiva dos derrotados-

este mar de poeira e aloumiños

contra os esgrevios cantís da memoria

escarvada na grisalla dos desertos,

nos restos de nós,

na carne apodrecida,

no balbordo dos paxaros nos alpendres.

Entupida a túa voz coa seiva dos días,

co musgo que tingue esta caverna

na que habita o teu corpo xa abrasado

pola longa seca da noitebra.

Sartego frío onde repousan os teus ollos

encorados nas augas como un manto

das virxes e dos santos naufragados

no ceo daquel deus crucificado.

Bate aínda

-coa dor dos corazóns nas despedidas-

este mar de luces e solpores

contra as voces dos adeuses,

do invisible lenzo que nos protexe

das augas embebidas da memoria.

O SOL DAS DESPEDIDAS

Son as velas dos navíos

testemuñas da túa partida.

Brancos gumes fendendo

a grisalla da bocanoite.

Contemplan as luces da cidade

a orla das escumas nos cantís;

e o teu corpo coa memoria despregada

avanza cara o sol das despedidas.

NON SEREMOS MÁIS

Virán os anos contra nós

curando as chagas do tempo e

da memoria.

Os meus ósos serán teus ósos,

non máis que nomes nun

inverno de defuntos.

E o amor non terá respostas,

senón caladas presenzas

coma o mato que medra

nas bocas dos amantes.

Non seremos máis que tumba e mausoleo,

una imaxe no álbum dalgún neto,

un recordo en días sinalados,

un orgullo de pertenza a algunha estirpe,

una ofensa ao recordo dun pasado.

DO LIBRO IN AETERNUM (2007)

ENTREGA

Vértome en ti coma nunha copa de augardente,

quente,

repousado...

emanando etílicos vapores dun amor

entregado,

catedralicio,

de líricos responsos entre os bucles do teu peito,

sereno,

montañoso,

suave na entrega con sabor a papoulas que cinxen a túa cadeira,

sinuosa,

mesetaria,

que invitan a entrega sen acougo.

Vértome en ti coma nunha copa de augardente,

vaporoso...

esvarando no teu pube,

matinal,

húmido.

Vértome en ti, e non son máis que líquido

na osmose do sentimento, dos tempos fuxidos.

Vértome en ti,

larvado,

desafiante.

Vértome ata a entrega final, o desacougo,

a elipse do retorno, dos angazos

do océano, dos fluídos latexantes

que han tornar para me verter en ti

coma nunha copa de augardente.

É o amor

Soamente o amor

Quen nos fai libres

A.Pociña

Se puidese elixir un punto cardinal

para nacer, escollería o norte, forte e frío

de lenes cómaros entre chuvias mestas.

Se puidese elixir un punto cardinal

para amarte, escollería o sur, maino e quente,

de eternas chairas ao vagar do sol.

Se puidese elixir un punto cardinal

para morrer, escollería a túa boca, calorosa e amante,

de bicarnos por sempre baixo a póla da roseira.



24 oct 2011

INFORM DE LITERATURA 2010


Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
INFORME DE LITERATURA 2010

POETAS GALEGOS

Bouza, Pablo, Ingrávido signo, 1o Premio da XXXV edición do Certame Literario do Concello de Vilalba, A Coruña: Edicións Espiral Maior, col. Uxío Novoneyra, n.o 230, xuño 2010, 77 pp. (ISBN: 978-849264641-8).

Recompilación de poemas de Pablo Bouza (Fene, A Coruña, 1965) que resultou merecente do primeiro premio da trixésimo quinta edición do Certame Literario do Concello de Vilalba en 2009. Principia o volume cunha dedicatoria a seu pai e dúas citas de Fernando Pinto do Amaral e Xavier Seoane. Estruturado en catro seccións, o volume trata da poesía na súa vertente ontolóxica, cunha liña temática baseada no concepto de morte que unifica o poemario en si. A primeira sección intitúlase “Alma Baleira” e comeza cunha cita de José Ángel Valente. Consta de dezanove composicións non moi extensas que reflicten o baleiro da alma unha vez que a persoa benquerida xa non está. Algunhas delas comezan con citas de Claudio Rodríguez Fer, Darío Xohán Cabana, Dylan Thomas, Xosé Manuel Vélez, Xulio L. Valcárcel, Luís García Montero, Miro Villar, Pilar Pallarés e Alfonso Pexegueiro. A segunda sección, “Poética da memoria”, iníciase cunha cita de Pablo Neruda e contén un total de oito poemas que xiran arredor do sentimento da soidade e da anguria polos que xa morreron. O último dos poemas desta “Poética da memoria”, “Ars poética”, inclúe unha cita de Archibald MacLeish sobre o que realmente debe significar un poema. A terceira sección leva por título “De mar a mar” e principia cunha cita de Günter Grass. Forman parte dela doce composicións en torno á esencia da existencia e do seu antónimo, a ausencia. Algunhas delas veñen introducidas por citas de Xavier Seoane, Eduardo Blanco Amor, Álex Susana, Miguel Anxo Fernán Vello, Román Raña e Xavier R. Baixeras. A derradeira sección, “De retornos e despedidas”, que se inicia cunha cita de Jorge Tellier, comprende catorce composicións sobre o tema da viaxe e o retorno. Unha delas, “Restos de ti”, vén introducida por unha cita de Luís García Montero, mentres que a derradeira, “Epílogo”, pon o punto final por medio da lembranza da figura do pai do autor. Pecha o volume un índice que recolle os títulos das composicións de cada sección. 


Referencias varias:

- Cristina Pérez, “Espiral Maior edita los poemarios ganadores del certamen vilalbés”,
El Progreso, “A Chaira”, 25 agosto 2010, p. 10.

Dá conta da publicación dos poemarios merecentes dos premios do Certame Literario do Concello de Vilalba, por parte da editorial Espiral Maior. Destaca as presentacións de dous dos volumes gañadores, Ingrávido signo, de Pablo Bouza, quen indica que a súa é unha poesía da memoria e do ser no que rende homenaxe a seu pai morto e a un tempo vivido, e Outono, mancebo céfiro de ás ergueitas, de Xosé Otero Canto. Sinala algúns dos traballos presentados neste certame, como os de Darío Xohán Cabana ou Fiz Vergara Vilariño e, nun epígrafe intitulado “Premiados”, os gañadores da anterior edición, Pablo Bouza, por “Na intimidade do Azougue”, e Martiño Maseda, por “Nos labirintos da alma”, así como a contía do premio recibido. Baixo o epígrafe “Poética de
memoria y versos dedicados a la naturaleza”, describe o acto de presentación dos volumes premiados, dos que destaca o prólogo de Xulio Xiz ao poemario da autoría de Otero Canto e sinala o recitado de poemas por parte dos gañadores. Conclúe cun apuntamento sobre a distribución dos volumes publicados en Galicia, Barcelona ou Madrid.

- Miguel Sande, “Máis que morrer, imos quedando en desuso”, La Voz de Galicia,
“Culturas”, n.o 389, “Letras Galegas”, 6 novembro 2010, p. 12.

Alúdese á recompilación de poemas de Pablo Bouza no selo editorial Espiral Maior.
Dise que foi merecente do premio de poesía do Concello de Vilalba e fálase dos poemas de Henrique Rabuñal sobre o tema da morte.

16 oct 2011

NA INTIMIDADE DO AZOUGUE

O fenés Pablo Bouza publica con Espiral Maior o seu cuarto libro de poemas

E-mailImprimirPDF

Diario de Ferrol-2011-10-16-013-034a9a94


m.j. rico > ferrol
O escritor fenés Pablo Bouza Suárez vén de publicar con Espiral Mairo o libro co que gañou, por segunda vez consecutiva, o premio literario que convoca o Concello de Vilalba. Nesta trixésimo sexta edición presentou “Na intimidade do azougue”, un libro luminoso no que “pretendín abrir esa xanela que necesitaba, e que entrara o aire”, fronte ó seu texto anterior, “Ingrávido signo”, que naceu logo da morte do seu pai.
“O que pretendín foi facer un álbum fotográfico do verán, de dous ou tres meses, do que me ía acontecendo nun lugar concreto, coa realidade da casa, da horta, da natureza, dos momentos de praia, dunha viaxe a Londres... Son poemas con imaxes moi fortes. Hai que ler o libro de principio a fin para velo ben, para comprender o periplo vital que pode dar de si o verán”, comenta Bouza desde Culleredo, onde traballa desde 1990 como xefe do servizo de Cultura do Concello.
“Na intimidade do azougue” estrutúrase en cinco partes. Nunha primeira o autor céntrase na noite e no seu silenzo, un ambiente no que, ademais, Bouza adoita traballar. Nun segundo momento as imaxes trasládanse á praia, cos fillos e as súas transformacións, ó tempo que lles ensina a pescar. A terceira parte céntrase na viaxe a Londres e contén os poemas máis sociais do libro, con referencias á emigración e cun marcado contraste entre a vida nunha casa rural á beira do mar e a actividade da capital británica. As dúas últimas etapas céntranse na sexualidade e no amor, un tema que atravesa todo o traballo do escritor fenés, desde que en 1984, con 17 anos, obtivera o terceiro premio no certame poético Hernán Esquío, da SAF.
Desde entón é socio desta entidade ferrolá e aquí volverá o 11 de novembro para participar na súa “lareira poética”. Tamén ten en mente poder presentar esta nova publicación en Fene. “Aínda que levo 22 anos traballando e vivindo en Culleredo, sinto a Fene como o meu sitio”.
Pablo Bouza comenta que é case imposible publicar poesía se non é a través dun premio literario, sobre todo se non tes xa unha longa traxectoria. El puido facelo sen galardón de por medio en 2007 con “In Aeternum”, unha recompilación de textos desde a adolescencia ata finais dos anos 90, que editou a Deputación. “O home que falaba coas baleas”, cunha temática moi volcada coa natureza, xa viu a luz logo de gañar o premio Francisco Añón, do Concello de Gondomar. A súa terceira obra, “Ingrávido signo”, venceu no concurso vilalbés en 2009 e xa foi editado por Espiral Maior, unha editorial de referencia para a poesía galega. Traballar con esta editorial e con Miguel Anxo Fernán-Vello “é algo que desexaba con tódalas miñas ganas, todo un pracer e un orgullo”, apunta.
Desta obra, como da última, síntese especialmente satisfeito. “É un libro moi potente, que nace despois da morte do meu pai, e nese momento en que empezas a plantexarte o que é a memoria, o pasado, a desaparición dos seres queridos”.
Logo da luz estival que impregna “Na intimidade do azougue”, neste verán traballou xa en versos novos que poden dar de si un libro. “Volvo a unha liña máis intimista. Se ‘Na intimidade do azougue’ podíase falar de poesía da experiencia, aquí afondo nas sombras que temos cada un de nós por aí abaixo e que hai que rabuñar para que saian fóra”. Distintas sensacións para unha traxectoria ben definida pero que responde tamén a diferentes momentos vitais. “A poesía é un estado de ánimo, hai que vivir tamén poeticamente”. A segunda parte pona o lector, “que pode interpretar como queira os poemas”.

28 ago 2011


NOVO LIBRO "NA INTIMIDADE DO AZOUGUE" EDITADO POR ESPIRAL MAIOR