BENVIDOS

Neste blog pretendo dar a coñecer os meus libros e a miña obra poética.

24 mar 2010

INFORME LITERATURA GALEGA 2007

INFORME DE LITERATURA GALEGA 2007

Bouza Suárez, Pablo, In aeternum, prólogo Xulio Valcárcel, ilus. Manuel Gandullo, A Coruña: Deputación da Coruña, 2007, 77 pp. (ISBN: 84-9812-055-1).

Poemario de temática fondamente intimista que xorde dos Encontros de Pintura e Poesía que dende hai dous anos celebra a Deputación da Coruña e no cal se mestura a pintura de Manuel Gandullo cos versos de Pablo Bouza Suárez (Fene, 1965). Trátase do primeiro poemario do autor que xa foi galardoado en varios certames poéticos e que se

abre cun prólogo de Xulio Valcárcel, no que se destaca a intensidade con que se vive o amor e o desamor e a beleza lingüística. O poemario artéllase en catro partes: “A covardía que profeso” (vivencia apaixonada do amor), “Mar amante” (o sentimento amoroso fúndese coa natureza), “Paisaxes de desolación” (poemas de temática máis social) e “Testamento da derrota” (morte e paso do tempo como fío central), as cales teñen como fío común o amor e o desamor. Escrito nunha linguaxe clara e sinxela contén imaxes moi expresivas e evocadoras (“Verterse todo en ti / coma un xarope de delicias prohibidas / vagaroso beberte en doces grolos...”), que se mesturan coas acuarelas de Manuel Gandullo enchendo de cor as verbas do poeta. O trazo métrico

característico é o versolibrismo e consegue a rima e o ritmo poético grazas ás

coincidencias fónicas e á combinación versal que mestura versos máis longos e máis curtos, os espazos en branco e recorrentes anáforas. Por último, cómpre destacar a continua aparición de citas textuais de diferentes escritores e escritoras como Helena Villar Janeiro, Pilar Pallarés ou Lino Braxe, entre outros, que abren varios dos poemas.

Referencias varias:

- Xulio Valcárcel, “Lecturas de Mariñán”, El Ideal Gallego, “La Galería!”, “Páxina

literaria”, 29 abril 2007, p. 4.

Refírese ao terceiro Encontro de Pintura e Poesía en Mariñán, que cualifica de éxito.

Celebra a publicación de In aeternum, primeira entrega poética de Pablo Bouza, con ilustracións de Manuel Gandullo e limiar de Xulio Valcárcel, que é quen asina este artigo. A continuación, pasa a comentar esta obra e céntrase, especialmente, no tema de represión política na contenda do trinta e seis.

- Miguel Anxo Fernán Vello, “O amor na poesía: ‘In aeternum”, Galicia Hoxe,

“Caderno aberto”, 18 maio 2007, p. 3.

Fálase do primeiro poemario de Pablo Bouza In aeternum, como unha mostra de que o eros e a poesía van unidos, ademais de anotárense similitudes con Rilke ou Kavafis.

Cítanse algúns versos e lóanse as acuarelas de Manuel Gandullo que ilustran o libro.