Centro Ramón
Piñeiro para a Investigación en Humanidades
INFORME DE
LITERATURA 2010
POETAS GALEGOS
Bouza,
Pablo, Ingrávido signo, 1o Premio da XXXV edición do Certame Literario do Concello
de Vilalba, A Coruña: Edicións Espiral Maior, col. Uxío Novoneyra, n.o 230, xuño
2010, 77 pp. (ISBN: 978-849264641-8).
Recompilación de poemas de Pablo Bouza (Fene, A
Coruña, 1965) que resultou merecente do primeiro premio da trixésimo quinta
edición do Certame Literario do Concello de Vilalba en 2009. Principia o volume
cunha dedicatoria a seu pai e dúas citas de Fernando Pinto do Amaral e Xavier
Seoane. Estruturado en catro seccións, o volume trata da poesía na súa vertente
ontolóxica, cunha liña temática baseada no concepto de morte que unifica o
poemario en si. A primeira sección intitúlase “Alma Baleira” e comeza cunha
cita de José Ángel Valente. Consta de dezanove composicións non moi extensas
que reflicten o baleiro da alma unha vez que a persoa benquerida xa non está.
Algunhas delas comezan con citas de Claudio Rodríguez Fer, Darío Xohán Cabana,
Dylan Thomas, Xosé Manuel Vélez, Xulio L. Valcárcel, Luís García Montero, Miro
Villar, Pilar Pallarés e Alfonso Pexegueiro. A segunda sección, “Poética da
memoria”, iníciase cunha cita de Pablo Neruda e contén un total de oito poemas
que xiran arredor do sentimento da soidade e da anguria polos que xa morreron.
O último dos poemas desta “Poética da memoria”, “Ars poética”, inclúe unha cita
de Archibald MacLeish sobre o que realmente debe significar un poema. A
terceira sección leva por título “De mar a mar” e principia cunha cita de
Günter Grass. Forman parte dela doce composicións en torno á esencia da
existencia e do seu antónimo, a ausencia. Algunhas delas veñen introducidas por
citas de Xavier Seoane, Eduardo Blanco Amor, Álex Susana, Miguel Anxo Fernán
Vello, Román Raña e Xavier R. Baixeras. A derradeira sección, “De retornos e
despedidas”, que se inicia cunha cita de Jorge Tellier, comprende catorce
composicións sobre o tema da viaxe e o retorno. Unha delas, “Restos de ti”, vén
introducida por unha cita de Luís García Montero, mentres que a derradeira,
“Epílogo”, pon o punto final por medio da lembranza da figura do pai do autor.
Pecha o volume un índice que recolle os títulos das composicións de cada
sección.
Referencias varias:
- Cristina Pérez, “Espiral Maior edita los
poemarios ganadores del certamen vilalbés”,
El Progreso, “A Chaira”, 25 agosto 2010, p. 10.
Dá conta da publicación dos poemarios
merecentes dos premios do Certame Literario do Concello de Vilalba, por parte
da editorial Espiral Maior. Destaca as presentacións de dous dos volumes
gañadores, Ingrávido signo, de Pablo Bouza, quen indica que a súa é unha poesía
da memoria e do ser no que rende homenaxe a seu pai morto e a un tempo vivido,
e Outono, mancebo céfiro de ás ergueitas, de Xosé Otero Canto. Sinala algúns
dos traballos presentados neste certame, como os de Darío Xohán Cabana ou Fiz
Vergara Vilariño e, nun epígrafe intitulado “Premiados”, os gañadores da
anterior edición, Pablo Bouza, por “Na intimidade do Azougue”, e Martiño
Maseda, por “Nos labirintos da alma”, así como a contía do premio recibido.
Baixo o epígrafe “Poética de
memoria y versos dedicados a la naturaleza”,
describe o acto de presentación dos volumes premiados, dos que destaca o
prólogo de Xulio Xiz ao poemario da autoría de Otero Canto e sinala o recitado
de poemas por parte dos gañadores. Conclúe cun apuntamento sobre a distribución
dos volumes publicados en Galicia, Barcelona ou Madrid.
- Miguel Sande, “Máis que morrer, imos quedando
en desuso”, La Voz de Galicia,
“Culturas”, n.o 389, “Letras Galegas”, 6
novembro 2010, p. 12.
Alúdese á recompilación de poemas de Pablo
Bouza no selo editorial Espiral Maior.
Dise que foi merecente do premio de poesía do
Concello de Vilalba e fálase dos poemas de Henrique Rabuñal sobre o tema da
morte.
No hay comentarios:
Publicar un comentario