BENVIDOS

Neste blog pretendo dar a coñecer os meus libros e a miña obra poética.

9 nov 2009

MAR DE CINZA

MAR DE CINZA

(poema sobre un cadro de Jano Muñoz)

A Jano e Mar

Unha mirada aniñando na inconsciencia do amor,

face contra face, perpetua batalla

librada nos campos do desespero.

Muller entregada ao pulso do pincel,

valeirada de remorsos, iluminada deusa,

fervenza de desexos de soedade ansiosa.

Home que procura a boca fuxidía

da amante sombra envolta en fermosura

adubiada cos ecos das namoradas voces.

Ausencias ao abeiro do frio claroescuro

deitado nas perpetuas augas do desexo,

na cinza pousada no lenzo do tempo.

Hai luces na íntima música dos soños,

na pálida aurora da melancolia,

na elegante espera dos beizos entregados.

O amor consagra a sinxela pose

da imaxe victoriosa na certeza final

de posuir a voz que berra no silencio.

Hai un degoiro fondo de negrura

suspendido nas esquinas espidas de tristura,

no tempo que desbasta os camiños da memoria.

1 comentario: